Friday 19 de April de 2024

A Xunta apoia unha vintena de concellos e entidades para a conservación e o impulso dos seus museos


— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con ata 165.000 as actividades de documentación, investigación e difusión

— Nesta edición benefícianse un total de 10 centros municipais e outros 11 vinculados a fundacións e entidades no marco do Plan Xeración Cultura que, entre os seus cometidos, busca mellorar e actualizar o legado e as infraestruturas culturais

A Xunta de Galicia apoia este ano un total de 21 concellos e entidades sen fins de lucro para a conservación e a mellora dos seus centros museísticos públicos e privados, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia. A medida enmárcase no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34M€ coa que o Goberno autonómico achega de ferramentas aos axentes culturais para, entre outros obxectivos, mellorar e impulsar o legado e as infraestruturas culturais.

Así pois, na relación de beneficiarios destas axudas que, por segundo ano, convoca a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades figuran un total de 10 centros museísticos xestionados por concellos. Trátase da Domus, de A Coruña; Museo Valle Inclán, da Pobra do Caramiñal; a colección museográfica da Casa Navegación, de Baiona; o Museo das Mariñas, de Betanzos; a Colección museográfica do Centro Arqueolóxico do Barbanza, no concello de Boiro; a Colección museográfica do Mar, de Laxe; o Museo Municipal Manuel Torres, de Marín; o Museo do Humor, de Fene; a Colección museográfica da Historia, de Valga e o Museo etnolóxico da Limia, en Vilar de Santos.

No apartado das entidades que xestionan centros museísticos os beneficiarios son 11: o Museo de Historia Natural, da Universidade de Santiago de Compostela; a Colección museográfica Anfaco da Industria Conserveira, de Anfaco; o Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, do Mosteiro de San Paio de Antealtares; o Museo Granell, da Fundación Eugenio Granell; o Museo Arte Sacro Sar, do Arcebispado de Compostela; o Museo do Gravado á Estampa Dixital, da Fundación Museo de artes do Gravado á Estampa dixital; a Colección museográfica Muvicla da Asociación Amigos Muvicla; o Museo comarcal da Fonsagrada, do Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada; o Museo Etnográfico da Capela, da Asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela; o Museo Colexiata de Sar, da Fundación Catedral Compostela e o Museo de Arte Sacra, de Clarisas Monforte de Lemos.

As axudas -que acadan ata un máximo de 10.000€ por beneficiario- permiten actualizar os fondos e facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión destes centros museísticos. A Xunta sufraga actividades dirixidas a inventariar, catalogar e documentar os fondos da colección permanente, así como para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoian as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación, promovendo o respecto dos dereitos humanos e a igualdade de xénero.

Outras accións á que se acollen os beneficiarios son a creación ou renovación da páxina web do centro, así como traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas e apoiar o plan de difusión e comunicación dos centros museísticos.

Reforzo da actividade museística
Estas axudas dan continuidade ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso dos centros museísticos tras a aprobación, en 2021 da Lei de Museos de Galicia, coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das arredor de 90 institucións rexistradas na nosa Comunidade, tanto públicas como privadas.

Ademais, o novo Plan Xeración Cultura pon o foco nas infraestruturas e o legado cultural, que protagonizan un dos seus cinco eixos de traballo. En concreto, aposta pola modernización das infraestruturas culturais a través de distintas liñas de apoio para os distintos equipamentos culturais. Entre as medidas previstas, crearase un Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural, así como unha novidosa liña de axudas destinada a particulares para a conservación de patrimonio etnolóxico.

No eido dos equipamentos, inclúense un programa de mellora das infraestruturas e espazos culturais, entre eles, a ampliación do Museo Massó, a mellora e acondicionamento da Illa de San Simón, a rehabilitación da casa de María Antonia Dans ou a posta en marcha do Museo da Fábrica de Papel no Carballiño, entre outros.

Relación de beneficiarios:

 

Entidade Centro museístico
Concello de A Coruña Domus
Concello de A Pobra do Caramiñal Museo Valle Inclán
Concello de Baiona Colección museográfica Casa da Navegación de Baiona
Concello de Betanzos Museo das Mariñas
Concello de Boiro Colección museográfica Centro Arqueolóxico do Barbanza
Concello de Laxe Colección museográfica do Mar da Laxe
Concello de Marín Museo municipal Manuel Torres
Concello de Fene Museo do humor de Fene
Concello de Valga Colección museográfica da historia de Valga
Concello de Vilar de Santos Museo Etnolóxico da Limia
Universidade de Santiago de Compostela Museo de Historia Natural
Anfaco Colección Museográfica Anfaco da Industria Conserveira
Mosteiro de San Pelayo Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares
Fundación Eugenio Granell Museo Granell
Arcebispado de Santiago de Compostela Museo Arte Sacro Sar
Fundación Museo de Artes do Gravado á estampa dixital Museo do Gravado á estampa dixital
Asociación de Amigos Muvicla Colección Museográfica Muvicla
Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada Museo comarcal da Fonsagrada
Asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela Museo etnográfico da Capela
Fundación Catedral Compostela Museo Catedral e Colexiata de Sar
Clarisas Monforte de Lemos Museo de Arte Sacro